Luz

Raio de luz solar dispersado por partículas de po no canón do Antílope, nos Estados Unidos.

A luz ou luz visible é a radiación electromagnética comprendida na parte do espectro electromagnético que percibe o ollo humano.[1] A luz visible defínese xeralmente como a que ten lonxitudes de onda no rango de 400-700 nanómetros (nm), entre o infravermello (con lonxitudes de onda máis longas) e o ultravioleta (con lonxitudes de onda máis curtas).[2][3] Esta lonxitude de onda supón unha gama de frecuencias de aproximadamente 430-750 terahercios (THz).

As propiedades principais da luz visible son intensidade, dirección de propagación, espectro de frecuencia ou lonxitude de onda e polarización. A súa velocidade no baleiro, 299.792.458 metros por segundo (m/s), é unha das constantes fundamentais da natureza.[4]

En física, o termo "luz" refírese ás veces á radiación electromagnética de calquera lonxitude de onda, visible ou non.[5][6] Neste sentido, tamén son luz os raios gamma, os raios X, as microondas e as ondas de radio. Como todos os tipos de radiación electromagnética, a luz visible propágase en forma de ondas. Con todo, a enerxía transmitida polas ondas absórbese en lugares únicos da mesma maneira que se absorben as partículas. A enerxía absorbida polas ondas electromagnéticas denomínase fotón e representa o quanto da luz. Cando unha onda de luz transfórmase e é absorbida como un fotón, a enerxía da onda colapsa instantaneamente nun único lugar e este lugar é onde "chega" o fotón. Isto é o que se denomina colapso da función de onda. Esta dobre natureza da luz, similar a unha onda e tamén a unha partícula, coñécese como dualidade onda-partícula. O estudo da luz, coñecido como óptica, é unha importante área de investigación da física moderna.

A principal fonte de luz na Terra é o Sol. Historicamente, outra fonte importante de luz para os seres humanos foi o lume, desde as antigas fogueiras ata as modernas lámpadas de parafina. Co desenvolvemento das luces eléctricas e os sistemas de enerxía, a iluminación eléctrica substituio efectivamente á luz do fogo.

  1. CIE (1987). International Lighting Vocabulary Arquivado 27 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.. Número 17.4. CIE, 4ª edición. ISBN 978-3-900734-07-7.
    Segundo o International Lighting Vocabulary, a definición de luz é: “Calquera radiación capaz de causar unha sensación visual directamente” (“Any radiation capable of causing a visual sensation directly”).
  2. Pal, G.K.; Pal, Pravati (2001). "capítulo 52". Textbook of Practical Physiology (1st ed.). Chennai: Orient Blackswan. p. 387. ISBN 978-81-250-2021-9. Consultado o 15 de novembro do 2023. 
  3. Buser, Pierre A.; Imbert, Michel (1992). Vision. MIT Press. p. 50. ISBN 978-0-262-02336-8. Consultado o 15 de novembro do 2023. 
  4. Uzan, J-P; Leclercq, B (2008). The Natural Laws of the Universe: Understanding Fundamental Constants. Traducido por Robert Mizon. Springer-Praxis, Internet Archive: 2020-06-14 AbdzexK uban. pp. 43–4. Bibcode:2008nlu..book.....U. ISBN 978-0-387-73454-5. doi:10.1007/978-0-387-74081-2. 
  5. Gregory Hallock Smith (2006). Camera lenses: from box camera to digital. SPIE Press. p. 4. ISBN 978-0-8194-6093-6. 
  6. Narinder Kumar (2008). Comprehensive Physics XII. Laxmi Publications. p. 1416. ISBN 978-81-7008-592-8. 

Developed by StudentB